O grupo estradense de rock Os John Deeres formouse a partir do cuarteto da banda Diskordia formado por José Carbia, Xermán Bernárdez, Manuel Reices e Marcos Alexandre a quen se uniu a actual vocalista, Vanessa García. Con sons de hard rock e dos anos setenta, con temas propios e algunhas versións, Os John Deeres volven con forza aos pubs, salas e festivais que frecuentaban antes da pandemia. Foi durante este período de peche cando gravaron o seu último EP, Cinzas, unha recompilación de cancións que nunca chegaran a facer.
Que pode agardar o público que vos vaia ver ao Festigal?
Moita enerxía e moita ilusión por volver ao Festigal 13 anos despois… e tamén algunha sorpresa. E sobre todo rock, que a iso imos.
Que significa para vós participar neste evento?
Desde logo é un dos mellores escaparates para a música galega, e para nós é un pracer compartir cartel con nomes da música e nun festi ao que imos todos os anos. Ademais para nós é moi significativo participar na celebración do Día da Patria.
Botades en falta plataformas onde se promocione a música galega?
Sobre todo botamos en falta espazo nos medios… especialmente nos públicos; espazos coma o Aberto por Reformas ou o Planeta Furancho, antes diso o Xabarín… Temos unha emisora de radio pública dedicada á música sen un programa específico sobre música galega. Iso é normal? A resposta é sinxela, temos instalada na Xunta unha brigada de demolición cultural. É unha decisión consciente. Tamén botamos en falta festivais de pequeno formato onde teñan cabidas novas propostas. A profesionalización do sector está traendo cousas positivas, pero tamén a práctica desaparición dos festivais autoxestionados que había hai pouco máis dunha década e, ás veces, dá a impresión de que todos os festivais son o mesmo.
Un soño para o futuro do rock en galego?
Que por fin deixen de preguntarnos por que cantamos en galego. Máis que un desexo para o rock galego é un soño de normalización para a nosa cultura.