A Banda da Loba é unha banda que leva “a poesía e a lingua por bandeira”. Formada por Andrea Porto, Estela Rodríguez, Inés Mirás, Marcela Porto e Xiana Lastra, produce música heteroxénea cunha identidade propia e centrada en temas feministas, de defensa da identidade, da diversidade e da memoria. Desde o 2017 con Bailando as Rúas levan anos enchendo os escenarios do país. Agora veñen de presentar Xabón Lagarta, que nace da admiración polo mundo das lavandeiras e dos lavadoiros como “espazos de liberdade, confidencias e insubmisión”.
Que pode agardar o público que vos vaia ver ao Festigal?
Un tempo para saltar e berrar, para compartir as inquedanzas que dende o comezo vertebran o noso proxecto; pero, sobre todo, para pasar a ser parte da tribo das Lobas.
Que significa para vós tocar neste evento?
Para nós é unha honra e unha alegría poder tocar uns intres antes do inicio do día da Matria e máis no marco do Festigal, un festi ao que asistimos tantas veces como público.
Que mensaxe queredes transmitir con Xabón Lagarta?
Feminismo e ecoloxismo, diversidade e memoria histórica, lingua e poesía… Multitude de ideas que agroman nas conversas deste lavadoiro, o espazo de insubmisión que é Xabón Lagarta.
Por que existe tal influxo da poesía na vosa música?
Porque, como dicía Xela Arias, cremos firmemente na idea de sacar a poesía do sofá de quen a le. Queremos levala á rúa e subila aos palcos, para cantala e bailala.
Un soño para o futuro da canción galega?
Oxalá algún día deixe de causar sorpresa o feito de cantar na nosa lingua.