Nun acto celebrado esta mañá na sede de Numax, en Santiago de Compostela, o Festigal recibiu a certificación emitida pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) e a Deputación da Coruña. Trátase dun certificado que recoñece, en palabras das e dos organizadores, “proxectos culturais audaces, innovadores e de calidade” na Galiza.
Así mesmo, neste acto a Deputación da Coruña e a Asociación Galega de de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) presentaron o Banco de Boas Prácticas da Xestión Cultural, un catálogo de exemplos para traballar mellor no ámbito cultural, entre os cales figura o Festigal.
O Banco de Boas Prácticas da Xestión Cultural recolle, até o de agora, un conxunto de 100 proxectos iniciais que se seguirá ampliando con criterios de calidade, impacto integral no territorio, sostibilidade ou inclusión de valores transformadores. Para a súa elaboración foron consultadas máis de 400 persoas do sector da xestión cultural na Galiza.
Animámosvos a consultar o proxecto na ligazón: boaspracticas.xestoresculturais.gal.